mércores, 21 de maio de 2014

A CONVERSIÓN DE SAN PAULO

Saulo era natural de Tarso de Cilicia e residía en Xerusalén como estudante da Lei, baixo as ensinanzas de Gamaliel.
Saulo estivo presente no martirio de Estevo, era quen gardaba os mantos mentres seus compañeiros o apedraban e aprobaba a súa morte. 
Entusiasta defensor das tradicións xudías, entregouse con ardor a persegui-los seguidores de Xesús.
Con cartas de recomendación do Sumo sacerdote, dirixiuse a Damasco co fin de apresar alí a cantos discípulos atopara e levalos atados a Xerusalén. De camiño, cerca xa de Damasco, aconteceu que de súpeto, unha luz do ceo o envolveu co seu fulgor. Caeu no chan e sentiu unha voz que lle decía:
- Xaúl, Xaúl, por que me persegues?
- Quen es ti, Señor?
- Eu son Xesús, a quen ti persegues. Pero érguete, entra na cidade, e xa se che dirá o que tes que facer.
Os seus compañeiros de viaxe quedaron parados; sentían a voz mais non vían a ninguén. Saulo ergueuse do chan, pero maila te-los ollos abertos non vía nada. Levárono pola man ata Damasco. Alí botou tres días sen ver, sen comer e sen beber. Ata que Ananías foi visitalo e lle impuso as mans. Saulo recobrou a vista e foi bautizado.
Pasou algúns días cos discípulos de Damasco e comenzou a predicar a Xesús nas sinagogas. Os discípulos de Señor coñecíanno coma perseguedor e tardaron en fiarse del. Foi Bernabé o que o levou onda os apóstolos e contoulles que vira o Señor no camiño de Damasco.
(Feit 9, 1-30)

xoves, 15 de maio de 2014

XESÚS É O CAMIÑO

Evanxeo 5º domingo de Pascua, ciclo A
Xn 14, 1-12

Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas: doutro xeito, teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde vou eu, ben sabéde-lo camiño.
Dille Tomé:
- Señor, se non sabemos ónde vas, como imos sabe-lo camiño?
Xesús respondeulle:
- Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecedes, coñeceriades tamén a meu Pai; ainda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.
Felipe díxolle:
- Señor, móstrano-lo Pai e abóndanos.
Xesús replicoulle:
- Pero Felipe, levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. Como dis entón móstrano-lo Pai? Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min, fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai.

Debuxos de Fano para ilustralo:


Fonte imaxes: Diócese de Málaga.

martes, 13 de maio de 2014

ADVOCACIÓNS DE MARÍA


As advocacións son distintas maneiras de referirnos á Virxe María ou de nomeala. Estes nomes derivan da devoción do pobo, e fan referencia á nai de Xesús. De calquera maneira que a chamemos, trátase da mesma Virxe María.
A devoción a María calou no pobo cristián dende os primeiros séculos e é venerada mediante imaxes, altares e templos dedicados á súa memoria.

Hai diferentes tipos de advocacións:
  • Advocacións que nos recordan algún momento da súa vida: Natividade, Anunciación, Visitación...
  • Advocacións sobre a fe dos cristiáns en María: Nai de Deus, Inmaculada Concepción, Asunción...
  • Advocacións que nos recordan as axudas que recibimos dela: Amparo, Auxiliadora, Perpetuo Socorro, Esperanza...
  • Advocacións que se refiren ó nome do lugar onde se venera: Fátima, Lourdes, Montserrat, Covadonga, Carmen (do Monte Carmelo)...
  • Advocacións que se refiren ó sitio onde apareceu: Pilar, Barca, Cova, Mar, Camiño...

domingo, 11 de maio de 2014

XESÚS, BO PASTOR

Evanxeo 4º de pascua, ciclo A (Xn 10, 1-10)


XESÚS, BO PASTOR
Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. E ese ábrelle o porteiro, e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
Díxolles Xesús esta alegoría mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender. Entón díxolles de novo:
- Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas. Tódolos que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase: entrará e sairá e atopará pasto. O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.

Debuxo de Fano para ilustrar o evanxeo:

venres, 2 de maio de 2014

CAMIÑO DE EMAÚS

Evanxeo 3º domingo de Pascua, ciclo A
Lc 24, 13-35
CAMIÑO DE EMAÚS
Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
- De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun semblante moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
- Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
- De que, logo?
Eles contestaron:
- Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de cómo os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosa déronnos un susto, porque foron ó risca-lo día ó sepulcro, e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a él non o viron.
Entón díxolles:
- Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E comenzando por Moisés e tódolos profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
Ó entraren na aldea onde ían, fixo como quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
- Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendeciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselle-los ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:
- Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las Escrituras?
E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
- É certo, o Señor resucitou e apareceuse a Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e cómo o recoñeceran no parti-lo pan.

Debuxo de Fano.
Fonte imaxe: Diócese de Málaga.

xoves, 1 de maio de 2014

SAN XOSÉ OBREIRO

1º de maio festividade de San Xosé obreiro.


Oh Xosé presentade a Xesús toda-las miñas intencións.

NO CAMIÑO DE EMAÚS

Tra-la crucifixión e morte de Xesús algúns dos seus amigos desanímanse. Abandoaran todo para seguilo e volven para as súas casas decepcionados. Pero descubrirán que Xesús vai sempre con eles.
Debuxos para colorar o relato segundo o evanxeo de Lucas 24,13-35: