sábado, 28 de novembro de 2020

NESTE ADVENTO FAI VENTO

 Dinámica de Advento elaborada por Fano. Inspirada nesta época de pandemia que obriga manter a xanela aberta.




HAI QUE ESTAR ATENTOS

 Evanxeo domingo 1º de Advento (Mc 13, 33-37)



Xesús dixo: Permanecede logo á espreita e esculcade, que non sabedes cando será o momento.

É coma un home que foi ó extranxeiro, deixando a casa e maila facenda nas mans dos seus criados, encargándolles a cada un o que tiña que facer, e ó porteiro ordenoulle que velase.

Vixiade vós, polo tanto, pois non sabedes cando chegará o amo da casa: se a tardiña ou con noite pecha, se co canto do galo ou no amencer. Non vaia ser que chegue de repente e vos atope dormindo. E o que vos digo a vós, tamén llelo digo a todos: Estade en vela!


sábado, 21 de novembro de 2020

EXAME DE AMOR

 Debuxos de Fano para colorar o evanxeo do domingo de Cristo Rei (Mt 25, 31-46)




O XUÍZO FINAL

 Evanxeo domingo XXXIV do tempo ordinario (Mt 25, 31-46)
Cristo Rey do Universo


Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e tódolos anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse tódalas nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. Entón dirá o Rei ós da súa dereita:

- "Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme;  estiven espido e vestísteme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver".

Entón preguntaranlle os xustos:

"Señor, cando te vimos famento o che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos? Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?"

O Rei contestaralles:

- "Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns máis pequenos fixéstelo comigo".

E diralles logo ós da súa esquerda:

- "Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno preparado para o Satán e seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede, e non me destes de beber; fun forasteior e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes".

Eles explicaranlle:

- "Señor, cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?"

El responderalles:

- "Asegúrovos que canto deixaste de facerlle a un destes máis pequenos, deixaste de mo facer a min".

Daquela irán estes ó castigo eterno, e os xustos á vida eterna.


domingo, 15 de novembro de 2020

sábado, 14 de novembro de 2020

PARÁBOLA DOS TALENTOS

Evanxeo do domingo XXXIII TO (Mt 25, 14-30)




O Reino dos ceos é coma un home que, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e deulle o coidado da sá facenda. A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un, a cadaquén segundo a súa capacidade; despois marchou.
De seguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco. Do mesmo xeito o que recibira dous, gañou outros dous. Pero o que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do seu amo.
Ó cabo de moito tempo chegou o señor de aqueles criados, pedíndolles contas. Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: "señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei". Díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte de moito: pasa a gozar da festa do teu señor". Chegou o que recibira dous talentos e dixo: "señor, dous talentos me entregaches, valaquí outros dous que gañei". E díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor, xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar da festa do teu señor".
Chegou tamén o que recibira un talento e díxolle: "señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. Por iso collín medo, e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu". Pero o señor respondeulle: "Ma criado! Lacazán! Conque sabías que seituro onde non semento e recollo onde non boto? Pois, poñía-los meus cartos no banco e, así, cando eu volvese, podía colle-los cartos e mailos xuros. Así que quitádelle o talento e dádello ó que ten dez. Porque o que ten, háselle dar e abondar; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ó criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e mailo renxer dos dentes".

venres, 6 de novembro de 2020

PARÁBOLA DAS DEZ MOCIÑAS

Evanxeo 32 domingo TO (Mt 25, 1-13)


 Entón o Reino dos Ceos parecerase a dez mociñas que, collendo os seus candís, saíron recibí-lo noivo. Cinco eran parvas e cinco asisadas.  As parvas colleron os candís pero non os encheron de aceite; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegóulle-lo sono, e botaron unha soneca.

Alá pola media noite oíuse berrar: "Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!" 

Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís.

Entón dixéronlle as parvas ás asisadas: "Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen". Responderon as asisadas: "Non vaia ser non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda e que o merquedes".

No intre que elas ían mercalo, chegou o noivo, e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas, e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: "Señor, Señor, ábrenos!". Pero el respondeulles: "Asegúrovos que non vos coñezo":

Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.


domingo, 1 de novembro de 2020

A MISIÓN DOS PROFETAS



 Os profetas son persoas que recibiron unha chamada especial de Deus. O Señor elíxeos para seren os seus voceiros cunha triple misión:

  • denunciar as inxustizas que fan sufrir ós inocentes;
  • pronunciar palabras de esperanza en momentos difíciles;
  • anunciar a chegada do Mesías que traerá a salvación definitiva.
Os profetas denuncian as inxustizas dicíndolle ós pecadores en nome de Deus: "Cambiade de comportameneto e Deus axudaravos".

Ó mesmo tempo, pronuncian palabras de esperanza, consolando ós desterrados e asegurándolles que Deus non abandonará ó seu pobo.

Finalmente anuncian acontecementos vindeiros, uns de castigo polo mal comportamento, e sempre, ó final, de axuda e salvación.

O anuncio máis grande dos profetas é a chegada do Mesías. Un dos descendentes de David virá "para dárlle a boa noticia ós que sofren e proclamar a liberdade ós prisioneiros e o ano de gracia do Señor" (Is 61, 1-2)