Evanxeo domingo XXXIV do tempo ordinario (Mt 25, 31-46)
Cristo Rey do Universo
Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e tódolos anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse tódalas nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. Entón dirá o Rei ós da súa dereita:
- "Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven espido e vestísteme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver".
Entón preguntaranlle os xustos:
"Señor, cando te vimos famento o che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos? Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?"
O Rei contestaralles:
- "Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns máis pequenos fixéstelo comigo".
E diralles logo ós da súa esquerda:
- "Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno preparado para o Satán e seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede, e non me destes de beber; fun forasteior e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes".
Eles explicaranlle:
- "Señor, cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?"
El responderalles:
- "Asegúrovos que canto deixaste de facerlle a un destes máis pequenos, deixaste de mo facer a min".
Daquela irán estes ó castigo eterno, e os xustos á vida eterna.
Ningún comentario:
Publicar un comentario