venres, 2 de maio de 2014

CAMIÑO DE EMAÚS

Evanxeo 3º domingo de Pascua, ciclo A
Lc 24, 13-35
CAMIÑO DE EMAÚS
Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
- De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun semblante moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
- Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
- De que, logo?
Eles contestaron:
- Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de cómo os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosa déronnos un susto, porque foron ó risca-lo día ó sepulcro, e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a él non o viron.
Entón díxolles:
- Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E comenzando por Moisés e tódolos profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
Ó entraren na aldea onde ían, fixo como quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
- Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendeciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselle-los ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:
- Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las Escrituras?
E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
- É certo, o Señor resucitou e apareceuse a Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e cómo o recoñeceran no parti-lo pan.

Debuxo de Fano.
Fonte imaxe: Diócese de Málaga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario