sábado, 24 de xaneiro de 2015

PRIMEIROS DISCÍPULOS, DEBUXOS

Viu a Simón e máis a Andrés, seu irmán...



Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e máis a Xoán, seu irmán...




venres, 23 de xaneiro de 2015

OS PRIMEIROS DISCÍPULOS

Evanxeo do domingo III do tempo ordinario
Mc 1, 14-20 ciclo B.

Os primeiros discípulos
Cando prenderon a Xoán Bautista, marchou Xesús a Galilea a anuncia-la Boa Nova de Deus, dicindo:
- O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e máis a Andrés, seu irmán, largando o aparello no mar: eran pescadores.
Díxolles Xesús:
-Vide comigo, e fareivos pescadores de homes.
E deixando de contado o aparello, seguírono. Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e mais a Xoán, seu irmán; estaban arranxando o aparello no bote. E de seguida os chamou. Eles, deixando a seu pai, Zebedeo, e mailos seus tripulantes no bote, seguírono.

Debuxos de Fano para ilustra-lo evanxeo:


Fonte das imaxes: Diócese de Málaga.

xoves, 22 de xaneiro de 2015

O POBO DE DEUS


Xesús, por medio da súa morte e resurrección, realizou a nova alianza entre Deus e a humanidade. Desta alianza naceu o novo pobo de Deus, que é a Igrexa, instituída por Xesús e dotada co don do Espírito Santo.
A Igrexa é, pois, un pobo universal en que ten cabida toda a humanidade. Xesús está nel e ofrece a súa salvación ó mundo enteiro.
Este pobo ten unha serie de características que o fan diferente doutros pobos:

  • Chégase a ser membro deste pobo non polo nacemento, senón polo bautismo.
  • Ten como cabeza a Cristo.
  • A identidade de este pobo é a dignidade e a liberdade dos fillos de Deus en cuxos corazóns habita o Espírito Santo coma nun templo.
  • A súa lei é o mandamento do amor, tal como Cristo nola ensinou.
  • A súa misión é ser sal da terra e luz do mundo.
  • O seu destino é o Reino de Deus.
Adaptación do Catecismo da Igrexa Católica, nº 782.

luns, 19 de xaneiro de 2015

OS CATRO EVANXELISTAS


MATEO:
Mateo era recadador de impostos. Os recadadores estaban mal vistos polo pobo, xa que eran considerados ladróns. Nembargantes, Xesús fixouse nel para que formase parte dos doce apóstolos.

MARCOS:
 Foi moi amigo de San Pedro e mesmo facía de secretario seu. De Pedro e doutros apóstolos recolleu os datos para escribir o seu evanxeo, que é o primeiro que se escribiu. Nel da a coñecer a Xesús ós pagáns que se converteran ó cristianismo.

LUCAS:
Naceu en Antioquía de Siria. Era médico e converteuse ó cristianismo. Non coñeceu a Xesús persoalmente, pero si ós apóstolos, e se cadra tamén a María. Foi moi amigo de San Paulo e compañeiro seu nalgunhas das súas viaxes. O seu evanxeo é claro e directo, e é no que máis cousas se contan da infancia de Xesús. Tamén escribiu o libro dos Feitos do Apóstolos sobre a vida dos primeiros cristiáns.

XOÁN: 
Xoán era irmán de Santiago, e ambos os dous eran pescadores, coma o seu pai, Zebedeo. Xoán era o máis novo dos doce apóstolos e tamén o preferido de Xesús. Xesús dende a cruz pedíulle que coidase de María coma se fose a súa nai, e así o fixo. Xoán escribiu, onde fala do amor de Xesús cara ós homes e de como debemos amarnos uns a outros. Tamén se lle atribúen tres cartas do Novo Testamento.

luns, 6 de outubro de 2014

A MULLER SAMARITANA

O seguinte relato do evanxeo de Xoán contrapón a auga que se saca dun pozo á auga viva que regala Xesús. Esta auga é a súa salvación e, grazas a ela, a vida ten sentido, que é participar para sempre da vida de Deus.


domingo, 14 de setembro de 2014

LEVANTADO EN ALTO

EVANXEO DO DOMINGO
EXALTACIÓN DA SANTA CRUZ (Jn 3, 13-17)

Naquel tempo dixo Xesús a Nicodemo:
- E ninguén subiu ó ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home.
Como Moisés alzou a serpe no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.
Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo.



Debuxos de Fano (Diócese de Málaga)

venres, 29 de agosto de 2014

COMO SEGUIR A XESÚS

Evanxeo XXII T.O. 
Ciclo A; Mt 16, 21 27
Como seguir a Xesús
Desde aquela empezou Xesús a aclararlles ós seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer sufrir moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ó terceiro día había resucitar.
Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
- Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.
Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro:
- Arreda de min, Satanás! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes.
Entón díxolles Xesús ós seus discípulos: 
- Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo. Pois, de que lle serve ó home gaña-lo mundo enteiro se perde a súa vida? E que pode dar un home para recobra-la súa vida? Porque o Fillo do home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme a súa conducta.