domingo, 11 de maio de 2014

XESÚS, BO PASTOR

Evanxeo 4º de pascua, ciclo A (Xn 10, 1-10)


XESÚS, BO PASTOR
Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. E ese ábrelle o porteiro, e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
Díxolles Xesús esta alegoría mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender. Entón díxolles de novo:
- Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas. Tódolos que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase: entrará e sairá e atopará pasto. O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.

Debuxo de Fano para ilustrar o evanxeo:

venres, 2 de maio de 2014

CAMIÑO DE EMAÚS

Evanxeo 3º domingo de Pascua, ciclo A
Lc 24, 13-35
CAMIÑO DE EMAÚS
Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
- De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun semblante moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
- Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
- De que, logo?
Eles contestaron:
- Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de cómo os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosa déronnos un susto, porque foron ó risca-lo día ó sepulcro, e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a él non o viron.
Entón díxolles:
- Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E comenzando por Moisés e tódolos profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
Ó entraren na aldea onde ían, fixo como quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
- Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendeciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselle-los ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:
- Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las Escrituras?
E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
- É certo, o Señor resucitou e apareceuse a Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e cómo o recoñeceran no parti-lo pan.

Debuxo de Fano.
Fonte imaxe: Diócese de Málaga.

xoves, 1 de maio de 2014

SAN XOSÉ OBREIRO

1º de maio festividade de San Xosé obreiro.


Oh Xosé presentade a Xesús toda-las miñas intencións.

NO CAMIÑO DE EMAÚS

Tra-la crucifixión e morte de Xesús algúns dos seus amigos desanímanse. Abandoaran todo para seguilo e volven para as súas casas decepcionados. Pero descubrirán que Xesús vai sempre con eles.
Debuxos para colorar o relato segundo o evanxeo de Lucas 24,13-35:





venres, 21 de febreiro de 2014

AMOR ÓS INIMIGOS

Evanxeo domingo º7 TO ciclo A, Mt 5, 38-48

Tedes oído que se vos dixo: ollo por ollo e dente por dente. Pero eu dígovos: non volvades mal por mal. Ó contrario, se alguén che da un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra; a quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non te vires de costas a quen che pida emprestado.
Tedes oído que sevos dixo: amara-lo teu próximo e aborrecera-lo teu inimigo. Pero eu dígovos: amade os voso inimigos, e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saí-lo sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos. Porque se amáde-los que vos aman, que recompensa ides ter? Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E se saudades soamente a vosos irmáns, que facedes de máis? Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede esmerados como esmerado é o voso Pai celestial.

Fonte das imaxes: Diócese de Málaga. Autor Fano.