sábado, 28 de novembro de 2020

NESTE ADVENTO FAI VENTO

 Dinámica de Advento elaborada por Fano. Inspirada nesta época de pandemia que obriga manter a xanela aberta.




HAI QUE ESTAR ATENTOS

 Evanxeo domingo 1º de Advento (Mc 13, 33-37)



Xesús dixo: Permanecede logo á espreita e esculcade, que non sabedes cando será o momento.

É coma un home que foi ó extranxeiro, deixando a casa e maila facenda nas mans dos seus criados, encargándolles a cada un o que tiña que facer, e ó porteiro ordenoulle que velase.

Vixiade vós, polo tanto, pois non sabedes cando chegará o amo da casa: se a tardiña ou con noite pecha, se co canto do galo ou no amencer. Non vaia ser que chegue de repente e vos atope dormindo. E o que vos digo a vós, tamén llelo digo a todos: Estade en vela!


sábado, 21 de novembro de 2020

EXAME DE AMOR

 Debuxos de Fano para colorar o evanxeo do domingo de Cristo Rei (Mt 25, 31-46)




O XUÍZO FINAL

 Evanxeo domingo XXXIV do tempo ordinario (Mt 25, 31-46)
Cristo Rey do Universo


Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e tódolos anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse tódalas nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. Entón dirá o Rei ós da súa dereita:

- "Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme;  estiven espido e vestísteme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver".

Entón preguntaranlle os xustos:

"Señor, cando te vimos famento o che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos? Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?"

O Rei contestaralles:

- "Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns máis pequenos fixéstelo comigo".

E diralles logo ós da súa esquerda:

- "Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno preparado para o Satán e seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede, e non me destes de beber; fun forasteior e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes".

Eles explicaranlle:

- "Señor, cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?"

El responderalles:

- "Asegúrovos que canto deixaste de facerlle a un destes máis pequenos, deixaste de mo facer a min".

Daquela irán estes ó castigo eterno, e os xustos á vida eterna.


domingo, 15 de novembro de 2020

sábado, 14 de novembro de 2020

PARÁBOLA DOS TALENTOS

Evanxeo do domingo XXXIII TO (Mt 25, 14-30)




O Reino dos ceos é coma un home que, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e deulle o coidado da sá facenda. A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un, a cadaquén segundo a súa capacidade; despois marchou.
De seguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco. Do mesmo xeito o que recibira dous, gañou outros dous. Pero o que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do seu amo.
Ó cabo de moito tempo chegou o señor de aqueles criados, pedíndolles contas. Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: "señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei". Díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte de moito: pasa a gozar da festa do teu señor". Chegou o que recibira dous talentos e dixo: "señor, dous talentos me entregaches, valaquí outros dous que gañei". E díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor, xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar da festa do teu señor".
Chegou tamén o que recibira un talento e díxolle: "señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. Por iso collín medo, e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu". Pero o señor respondeulle: "Ma criado! Lacazán! Conque sabías que seituro onde non semento e recollo onde non boto? Pois, poñía-los meus cartos no banco e, así, cando eu volvese, podía colle-los cartos e mailos xuros. Así que quitádelle o talento e dádello ó que ten dez. Porque o que ten, háselle dar e abondar; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ó criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e mailo renxer dos dentes".

venres, 6 de novembro de 2020

PARÁBOLA DAS DEZ MOCIÑAS

Evanxeo 32 domingo TO (Mt 25, 1-13)


 Entón o Reino dos Ceos parecerase a dez mociñas que, collendo os seus candís, saíron recibí-lo noivo. Cinco eran parvas e cinco asisadas.  As parvas colleron os candís pero non os encheron de aceite; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegóulle-lo sono, e botaron unha soneca.

Alá pola media noite oíuse berrar: "Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!" 

Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís.

Entón dixéronlle as parvas ás asisadas: "Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen". Responderon as asisadas: "Non vaia ser non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda e que o merquedes".

No intre que elas ían mercalo, chegou o noivo, e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas, e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: "Señor, Señor, ábrenos!". Pero el respondeulles: "Asegúrovos que non vos coñezo":

Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.


domingo, 1 de novembro de 2020

A MISIÓN DOS PROFETAS



 Os profetas son persoas que recibiron unha chamada especial de Deus. O Señor elíxeos para seren os seus voceiros cunha triple misión:

  • denunciar as inxustizas que fan sufrir ós inocentes;
  • pronunciar palabras de esperanza en momentos difíciles;
  • anunciar a chegada do Mesías que traerá a salvación definitiva.
Os profetas denuncian as inxustizas dicíndolle ós pecadores en nome de Deus: "Cambiade de comportameneto e Deus axudaravos".

Ó mesmo tempo, pronuncian palabras de esperanza, consolando ós desterrados e asegurándolles que Deus non abandonará ó seu pobo.

Finalmente anuncian acontecementos vindeiros, uns de castigo polo mal comportamento, e sempre, ó final, de axuda e salvación.

O anuncio máis grande dos profetas é a chegada do Mesías. Un dos descendentes de David virá "para dárlle a boa noticia ós que sofren e proclamar a liberdade ós prisioneiros e o ano de gracia do Señor" (Is 61, 1-2)

xoves, 29 de outubro de 2020

OS PROFETAS NA BIBLIA

 Os profetas son persoas que recibiron unha chamada especial de Deus. Eles recoñecen a súa debilidade e o seu medo. Non é doado denunciar o que está mál e anunciar a salvación condo as cousas marchan mal. Pero Deus di: "Mira, eu poño as miñas palabras na túa boca" (Xer1, 9). Algúns foron apedrados; outros, asasinados. Non son adiviños, senón mensaxeiros de esperanza.

A Biblia só recoñece as palabras duns poucos profetas,  que se agrupan en:

  • Profetas maiores: Isaías, Xeremías, Ezequiel e Daniel.
  • Profetas menores: Amós, Oseas, Xoel, Abdías, Xonás, Miqueas, Nahúm, Habacuc, Sofonías, Axeo, Zacarías e Malaquías.
Chámanse "maiores" ou "menores", non pola importancia das súas profecías, senón pola extensión dos seus escritos.

Os profetas máis nomeados son os seguintes:

  • Elías e Eliseo, que foron profetas valentes que denunciaron os abusos dos poderosos.
  • Isaías e Xeremías, que fixeron medrar a esperanza cando o pobo sufría.
  • Ezequiel, que soubo animar ós que estaban no deserto.
  • Daniel, que anunciou a vida do fillo do home.

venres, 22 de maio de 2020

SUBE Ó CEO

Debuxo de Fano para colorar o evanxo.
Sube ó ceo e nunca nos deixa sós.




MISIÓN DOS DISCÍPULOS

Evanxeo do 7º domingo de Pascua, ciclo A (Mt 28, 16-20)


Os once discípulos fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. E véndoo, prostráronse ante el, anque algúns dubidaban. Xesús, achegándose, díxolles:
- Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolo pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.

venres, 15 de maio de 2020

SUBSCRIBIRSE Ó PAI



A PROMESA DO ESPÍRITO

Evanxeo 6º Pascua
Xn 14, 15-21



Se me amades, gardaréde-los meus mandamentos, e eu rogareille ó Pai, e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: o Espírito da Verdade. O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós. Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós habédesme ver, que eu vivo e tamén vós habedes vivir. Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós. Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; e a quen me ama amarao meu Pai, e amareino eu e manifestareime a el.


venres, 8 de maio de 2020

CAMIÑO, VERDADE E VIDA

Debuxos de Fano para colorar o evanxeo 5º de Pascua (Xn 14,1-12)




PARTIDA DE XESÚS

Evanxeo 5º domingo de Pascua, ciclo A
Xn 14, 1-12


Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vos tamén. E a onde vou eu, ben sabéde-lo camiño.
Dille Tomé:
- Señor, se non sabemos onde vas, como imos sabe-lo camiño?
Xesús respondeulle:
- Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecedes, coñeceríades tamén a meu Pai; inda que xa desde agora o ceñecedes e o tedes visto.
Filipe díxolle:
- Señor, móstrano-lo Pai e abóndanos.
Xesús replicoulle:
- Pero, Filipe, levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. Como dis entón móstrano-lo Pai? Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min, fara el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai: e o que pidades no meu nome, heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. Se algo me pedides no meu nome, eu fareino.

luns, 4 de maio de 2020

PARÁBOLA DO SEMENTADOR

Parábola do sementador (Lc 8, 5-8)

Unha vez saíu un labrador a sementar. E ó bota-la semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante, a xente pisouna e os paxaros comérona. Outra caeu entre as pedras, pero anque xermolou, secou por non ter lentura. Outra caeu entre silvas, pero ó medra-la silveira, afogouna. Outra caeu en boa terra, e xermolou dando o cento por un.
A continuación exclamou:
- Quen teña oídos para oír, que escoite.


Explicación da parábola (Lc 8,11-15)


A parábola significa isto: a semente é a Palabra de Deus. Os do camiño son os que, tan pronto como oen a Palabra, vén o satán e arrepáñallela do seu corazón, non vaia ser que crean e se salven. Os das pedras son aqueles que cando a oen, acollen con alegría a Palabra; pero, como non teñen raíz, cren por certo tempo, mais, cando vén a tentación, abandonan.Os das silvas son os que a escoitan; pero por mor das preocupacións, riquezas e praceres da vida, non chega a madurecer. Os da terra boa, son aqueles de bo e xeneroso corazón, que escoitando a Palabra, retéñena, producindo froito coa súa perseveranza.


venres, 1 de maio de 2020

PASTOR E RABAÑO. COLORAR

Debuxos de Fano para colorar o evanxeo 4º domingo de Pascua.



O PASTOR E O RABAÑO

Evanxeo 4º domingo de Pascua
Xn 10, 1-10


Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senon que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. A ese ábrelle o porteiro, e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas fóra. Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
Díxolles Xesús esta alegoría mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender. Entón díxolles de novo:
- Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas. Tódolos que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por, salvarase: entrará e sairá e atopará pasto. O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.


luns, 27 de abril de 2020

DEBUXA A XESÚS DE NAZARET

Queres facer un debuxo de Xesús e non sabes como? Aqui tes tres exemplos ben doados de facer.
Elixe o que máis che goste e... ánimo artista!


xoves, 23 de abril de 2020

NO CAMIÑO DE EMAÚS

Debuxos de Fano para colorar o evanxeo do 3º domingo de Pascua (Lc 24, 13-35)




CAMIÑO DE EMAÚS

Evanxeo do 3º domingo de Pascua, ciclo A.
Camiño de Emaús (Lc 24, 13-35)


Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres paloraban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
- De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun semblante moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
- Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
- De que, logo?
Eles contestaron:
- Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crudificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ó risca-lo día ó sepulcro, e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
Entón díxolles:
Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E comenzando por Moisés e tódolos profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
Ó entraren na aldea onde ían, fixo como quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
- Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba. 
Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendeciuno e partiuno e deullelo. Entón abríronselle os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:
- Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las Escrituras?
E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
- É certo, o Señor resucitou e apareceuse a Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e cómo o recoñeceron ó parti-lo pan.

domingo, 19 de abril de 2020

APARICIÓN A TOMÉ

Colorar o evanxeo 2º de Pascoa (Xn 20,19-31) con debuxos de Fano.



APARICIÓN DE XESÚS ÓS DISCÍPULOS.

Evanxeo do 2º domingo de Pascoa, ciclo A.
Aparición de Xesús ós discípulos (Xn 20,19-31)



Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeos, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
- Paz convosco.
Dito isto, mostróulles as mans e mailo costado. Os discípulos alegráronse, vendo ó Señor. El díxolles, outra vez:
- Paz convosco: como o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vos. E dito istoalentou sobre eles, e díxolles:
- Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados, a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:
- Como non vexa nas súas mans os buracos dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio dixo:
- Paz convosco.
Despois díxolle a Tomé:
- Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e metea no meu costado. Non sexas incrédulo, senon home de fe.
Tomé respondeulle:
- Meu Señor e meu Deus!
Xesús díxolle:
- Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!