Evanxeo do 3º domingo de Pascua, ciclo A.
Camiño de Emaús (Lc 24, 13-35)
Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres paloraban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
- De que ides falando polo camiño?
- Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
- De que, logo?
Eles contestaron:
- Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crudificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ó risca-lo día ó sepulcro, e, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
Entón díxolles:
Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E comenzando por Moisés e tódolos profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
Ó entraren na aldea onde ían, fixo como quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
- Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendeciuno e partiuno e deullelo. Entón abríronselle os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:
- Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las Escrituras?
E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
- É certo, o Señor resucitou e apareceuse a Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e cómo o recoñeceron ó parti-lo pan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario