xoves, 13 de febreiro de 2014

NOVA INTERPRETACIÓN DA LEI

Evanxeo 6º domingo TO ciclo A (Mt 5, 17-37)
Nova interpretación da Lei
Non pensedes que vin derroga-la Lei e os profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento. Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e maila terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra. E quen falte a un destes mandamentos máis pequenos e así llelo ensine a facer ós outros, será declarado o máis pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos Ceos. Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.
Tedes oído que se lles dixo ós vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo ante o tribunal. Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo ante o tribunal; quen o alcume será reo ante o sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.
Se ó presentáre-la túa ofrenda no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve presenta-la túa ofrenda.
Ponte de acordo, canto antes, co teu preiteante mentres ides de camiño; non sexa que te entregue ó xuíz, o xuíz o garda, e te boten na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.
Tedes oído que se dixo: Non cometerás adulterio. Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.
Ténsevos dito: quen repudie á súa muller, déalle acta de repudio. Pero eu dígovos: Todo o que repudia á súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.
Tamén tedes oído que se lles dixo ós devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprira-las promesas feitas con xuramentos ó Señor. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca; nin polo ceo, que é o trono de Deus; nin pola terra, porque é escano para os seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran Rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo. Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si; "Non", cando é non; e todo o que pase de aí ven do Malo.



Imaxes de Fano tomadas da Diócese de Málaga.

luns, 10 de febreiro de 2014

NOSA SEÑORA DE LOURDES

O día 11 de febreiro de 1858 Bernadette Soubirous ve nunha cova de Lourdes unha aparición da Virxe María que se lle manifesta como a Inmaculada Concepción. Nesta localidade constrúese unha igrexa que se convirte en lugar de peregrinación polos milagres que alí acontecen.



Fonte imaxes: Amiguinhos de Deus

NOSA SEÑORA DE LOURDES. COLORAR

O día 11 de febreiro a Igrexa celebra a festa de Nosa Señora de Lourdes. Este día de 1858 a moza Bernadette Soubirous ve fóra de Lourdes unha aparición da Virxe María que se repetirá 18 veces nas seguintes semanas.




Fonte imaxes: Dibujos para catequesis

xoves, 6 de febreiro de 2014

SAL DA TERRA, LUZ DO MUNDO

Evanxeo do 5º domingo do tempo ordinario ciclo A (Mt 5,13-16)
SAL DA TERRA
Vós sode-lo sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.
Vós sóde-luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se encende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a tódolos da casa. Alume así a vosa luz ós homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos ceos.


Fonte texto: A Biblia, editada por SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos)
Imaxes de Fano tomadas da Diócese de Málaga


venres, 31 de xaneiro de 2014

A PONTE

Catro animais queren cruzar unha ponte pero non hai sitio para todos, ou si?

É mellor poñerse de acordo cos demais cando temos un problema

PRESENTACIÓN DO NENO

Evanxeo domingo 4º TO (Lc 2, 22-40)
PRESENTACIÓN DO NENO
E cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ó Señor (pois así está escrito na Lei do Señor: Todo varón primoxénito consagraredes ó Señor), e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: Un par de rulas ou dous pombiños.
Vivía nese tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, tíñalle prometido que non había morrer sen ve-lo Unxido do Señor.
Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandato pola Lei do Señor, el, colléndoo nos brazos, louvou a Deus dicindo:
-Agora podes, Señor, segundo a túa promesa, despedir en paz o teu servo, porque xa os meus ollos viron o teu Salvador, o que preparaches para tódolos pobos: luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo Israel.
O pai e maila nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicia do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:
-Mira, este está disposto para caída ou soerguemento de moitos en Israel, para ser bandeira e discusión; e a ti mesma unha espada hache atravesa-la alma: así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns.
Había tamén unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer, que vivira sete anos co seu marido desde que casara, e logo como viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo nin de noite nin de día, servindo a Deus con xexún e oracións. Presentándose naquel intre no templo, glorificaba a Deus e falaba do neno a tódolos que esperaban a redención de Xerusalén. 
Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para Galilea, a vila de Nazaret. O neno ía medrando lanzal, forte e intelixente; e a gracia de Deus estaba con el.




Imaxes de Fano tomadas da Diócese de Málaga
Texto: A Biblia, editada por SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos)