sábado, 21 de novembro de 2015

CRISTO REI. EVANXEO.

Solemnidade de Noso Señor Xesucristo, Rei do Universo.
Evanxeo Xn 18, 33b-37


Entón entrou Pilato outra vez no pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:
- Es ti o Rei dos xudeus?
Xesús respondeu:
- Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
Pilato replicou;
- E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?
Xesús contestoulle:
- O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase ós xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
Díxolle entón Pilato:
- Logo ti es o Rei?
Xesús respondeu:
- Tal como o estas diciendo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.

CRISTO REI, DEBUXOS

Debuxos para colorar de Cristo Rei do universo:




Fonte imaxes superiores: Amigos do céu (Cançao nova).
Fonte imaxes inferiores: Dibujos para catequesis. 

xoves, 27 de agosto de 2015

O CULTO E AS TRADICIÓNS

Evanxeo domingo 22 do tempo ordinario, ciclo B
Debuxos para colorar e ilustra-lo evanxeo. (Mc 7,1-8.14-15.21-23)

- Por que os teus discípulos non se portan conforme a tradición dos devanceiros, senon que comen con mans impuras?



ssss

CONFLICTOS COAS TRADICIÓNS

Evanxeo domingo 22 do tempo ordinario. Ciclo B.
Mc 7, 1-8.14-15.21-23


Reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén, e viron ós discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. (É sabido que os fariseos e os xudeos todos non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións; e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, como lavaren os vasos, xerras e bandexas). Por iso os fariseos e mailos escribas preguntáronlle:
- Por que os teus discípulos non se portan conforme a tradición dos devanceiros, senón que comen con máns impuras?
El contestoulles:
- Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:
Este pobo hónrame cos labios,
pero o seu corazón está lonxe de mín.
Danme un culto inútil,
porque a doutrina que ensinan
non son máis ca costumes humanos.
- Rexeitáde-los mandatos de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.
E convocando á xente, dicíalles:
- Escoitádeme todos e procurade entender. Nada do que hai fóra do home pode manchalo ó entrar nel; pero o que sae do home, eso si que o mancha. Porque de dentro, do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, os adulterios, as cobizas, as maldades, as fraudes, os desenfrenos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos. Todos eses males saen de dentro e manchan o home.

luns, 23 de febreiro de 2015

O ANO LITÚRXICO


O ano litúrxico é o calendario relixioso da Igrexa católica. Comprende as diversas festas cristiás que se celebran ó longo dun ano. Nel faise un percorrido polos acontecementos máis importantes da vida de Xesús. Está organizado nos seguintes tempos litúrxicos:
- Advento: periodo de catro semanas antes do Nadal. É un tempo para prepararnos para celebrar o nacemento de Xesús.
Cor: morada.
Símbolo: unha coroa de catro candeas (cada domingo acéndese unha).
- Nadal: do 25 de decembro ó primeiro domingo despois de Epifanía (Reis). Celebramos o nacemento de Xesús.
Cor: branca.
Símbolo: o belén.
- Primeiro tempo ordinario: tempo para recordar as palabras e os feitos de Xesús. Dura desde o final de Nadal ata Coresma.
Cor: verde.
- Coresma: corenta días desde o Mércores de cinzas ata a Pascua. Preparámonos para a Semana Santa, para celebrar a morte e resurrección de Xesús.
Cor: morada.
Símbolo: a cinza.
A Semana Santa comenza o Domingo de Ramos e termina a véspera do domingo de Resurrección. 
- Pascua: tempo para celebrar a resurrección de Xesucristo. Son cincuenta días dende o domingo de Resurrección a Pentecoste.
Cor: branca.
Símbolo: o cirio pascual (simboliza a Xesús resucitado).
- Pentecoste: celebramos a vinda do Espírito Santo.
Cor: vermella.
- Segundo tempo ordinario: desde Pentecoste ata Advento.


venres, 20 de febreiro de 2015

AS TENTACIÓNS

Evanxeo domingo I de Coaresma, ciclo B (Mc 1, 12-15)

Axiña o encamiñou o Espírito ó deserto. Alí permaneceu coarenta días, alí o tentou Satanás; vivía entre as feras, e servíano os anxos.
Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anuncia-la Boa Nova de Deus, dicindo:
- O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.


Debuxos de Fano. Fonte: Diócese de Málaga.

sábado, 14 de febreiro de 2015

CURACIÓN DUN GAFO

Evanxeo do domingo VI do tempo ordinario Mc 1, 40-45
Acercóuselles un gafo, e rogoulle de xeonllos:
- Ti, se queres, pódesme limpar.
Xesús, estremecido, alongou a man, e tocouno, dicindo:
- Pois quero, queda limpo.
E no instante desapareceulle a lepra, quedando limpo. E despediuno, e, poñéndose moi serio, mandoulle:
- Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ó sacerdote, e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés, para que lles conste.
Pero, mal se foi, aquel home botouse a prega-la nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de tódalas partes.



Autor imaxes: Fano.

xoves, 5 de febreiro de 2015

CURACIÓN DA SOGRA DE PEDRO

Evanxeo do domingo IV do tempo ordinario Mc 1, 29-39
Curación da sogra de Pedro e outros enfermos
Despois de saír da sinagoga, foi a casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba en cama con febre, e axiña lle falaron dela. E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle tólolos enfermos e endemoñados; a vila enteira amoreouse na porta. E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demoños. Pero os demoños non os deixaban falar, porque o coñecían ben.
Ergúendose moi cedo, aínda de noite, saíu para un lugar arredado, onde se puxo a orar. Simón e mailos seus compañeiros fórono seguindo, e cando o atoparon, dixéronlle:
- Todos te andan a buscar.
El respondeu:
-Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para predicarmos tamén alí, que para isto vin.
E foi predicando polas sinagogas de Galilea, botando fóra os demos.

Debuxos de Fano para ilustralo:



Fonte imaxes: Diócese de Málaga.

sábado, 24 de xaneiro de 2015

PRIMEIROS DISCÍPULOS, DEBUXOS

Viu a Simón e máis a Andrés, seu irmán...



Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e máis a Xoán, seu irmán...




venres, 23 de xaneiro de 2015

OS PRIMEIROS DISCÍPULOS

Evanxeo do domingo III do tempo ordinario
Mc 1, 14-20 ciclo B.

Os primeiros discípulos
Cando prenderon a Xoán Bautista, marchou Xesús a Galilea a anuncia-la Boa Nova de Deus, dicindo:
- O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e máis a Andrés, seu irmán, largando o aparello no mar: eran pescadores.
Díxolles Xesús:
-Vide comigo, e fareivos pescadores de homes.
E deixando de contado o aparello, seguírono. Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e mais a Xoán, seu irmán; estaban arranxando o aparello no bote. E de seguida os chamou. Eles, deixando a seu pai, Zebedeo, e mailos seus tripulantes no bote, seguírono.

Debuxos de Fano para ilustra-lo evanxeo:


Fonte das imaxes: Diócese de Málaga.

xoves, 22 de xaneiro de 2015

O POBO DE DEUS


Xesús, por medio da súa morte e resurrección, realizou a nova alianza entre Deus e a humanidade. Desta alianza naceu o novo pobo de Deus, que é a Igrexa, instituída por Xesús e dotada co don do Espírito Santo.
A Igrexa é, pois, un pobo universal en que ten cabida toda a humanidade. Xesús está nel e ofrece a súa salvación ó mundo enteiro.
Este pobo ten unha serie de características que o fan diferente doutros pobos:

  • Chégase a ser membro deste pobo non polo nacemento, senón polo bautismo.
  • Ten como cabeza a Cristo.
  • A identidade de este pobo é a dignidade e a liberdade dos fillos de Deus en cuxos corazóns habita o Espírito Santo coma nun templo.
  • A súa lei é o mandamento do amor, tal como Cristo nola ensinou.
  • A súa misión é ser sal da terra e luz do mundo.
  • O seu destino é o Reino de Deus.
Adaptación do Catecismo da Igrexa Católica, nº 782.

luns, 19 de xaneiro de 2015

OS CATRO EVANXELISTAS


MATEO:
Mateo era recadador de impostos. Os recadadores estaban mal vistos polo pobo, xa que eran considerados ladróns. Nembargantes, Xesús fixouse nel para que formase parte dos doce apóstolos.

MARCOS:
 Foi moi amigo de San Pedro e mesmo facía de secretario seu. De Pedro e doutros apóstolos recolleu os datos para escribir o seu evanxeo, que é o primeiro que se escribiu. Nel da a coñecer a Xesús ós pagáns que se converteran ó cristianismo.

LUCAS:
Naceu en Antioquía de Siria. Era médico e converteuse ó cristianismo. Non coñeceu a Xesús persoalmente, pero si ós apóstolos, e se cadra tamén a María. Foi moi amigo de San Paulo e compañeiro seu nalgunhas das súas viaxes. O seu evanxeo é claro e directo, e é no que máis cousas se contan da infancia de Xesús. Tamén escribiu o libro dos Feitos do Apóstolos sobre a vida dos primeiros cristiáns.

XOÁN: 
Xoán era irmán de Santiago, e ambos os dous eran pescadores, coma o seu pai, Zebedeo. Xoán era o máis novo dos doce apóstolos e tamén o preferido de Xesús. Xesús dende a cruz pedíulle que coidase de María coma se fose a súa nai, e así o fixo. Xoán escribiu, onde fala do amor de Xesús cara ós homes e de como debemos amarnos uns a outros. Tamén se lle atribúen tres cartas do Novo Testamento.