venres, 31 de xaneiro de 2014
PRESENTACIÓN DO NENO
Evanxeo domingo 4º TO (Lc 2, 22-40)
PRESENTACIÓN DO NENO
E cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ó Señor (pois así está escrito na Lei do Señor: Todo varón primoxénito consagraredes ó Señor), e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: Un par de rulas ou dous pombiños.
Vivía nese tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, tíñalle prometido que non había morrer sen ve-lo Unxido do Señor.
Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandato pola Lei do Señor, el, colléndoo nos brazos, louvou a Deus dicindo:
-Agora podes, Señor, segundo a túa promesa, despedir en paz o teu servo, porque xa os meus ollos viron o teu Salvador, o que preparaches para tódolos pobos: luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo Israel.
O pai e maila nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicia do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:
-Mira, este está disposto para caída ou soerguemento de moitos en Israel, para ser bandeira e discusión; e a ti mesma unha espada hache atravesa-la alma: así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns.
Había tamén unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer, que vivira sete anos co seu marido desde que casara, e logo como viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo nin de noite nin de día, servindo a Deus con xexún e oracións. Presentándose naquel intre no templo, glorificaba a Deus e falaba do neno a tódolos que esperaban a redención de Xerusalén.
Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para Galilea, a vila de Nazaret. O neno ía medrando lanzal, forte e intelixente; e a gracia de Deus estaba con el.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)